Thursday 09 de May de 2024

A Intervención da Deputación realizará unha auditoría dos contratos e subvencións das empresas e entidades implicadas na Operación Zeta


Do informe resultante da auditoría se informará en sesión plenaria por acordo de todos os grupos da corporación

O servizo de Intervención da Deputación da Coruña realizará unha auditoría interna sobre os contratos e as subvencións desde o ano 2006 coas empresas implicadas na Operación Zeta, co obxectivo de informar ao pleno da corporación do seu resultado.

“Aquí a transparencia é toda. É total”, asegurou Diego Calvo tras a lectura dunha moción por parte do BNG e, segundo dixo, sobre todo cando “todos os grupos políticos nesta corporación estamos presentes nas mesas da contratación e recibimos información puntual e instantánea de todo o que se firma aquí”.

Do mesmo xeito, Calvo asegurou que “non temos ningunha dúbida da limpeza e da profesionalidade dos funcionarios desta casa”, cuestión que corroborou tamén o portavoz provincial do goberno ao acusar aos nacionalistas de “querer confundir á xente falando na Deputación de algo que non ten nada que ver con esta institución”.

Engadiu que desde o ano 2011, cando empezou a traballar a actual corporación, Gecreri tan só firmou un contrato coa institución provincial, no mes de decembro do 2011, pertencente a un plan de formación de Rede Xiana que, precisamente, foi auditado pola Intervención General del Estado. “A adxudicación deste contrato -mediante procedemento aberto e con multiplicidade de criterios- tivo lugar despois de que a empresa presentara unha baixa de máis do 40% sobre o orzamento de licitación”, matizou o portavoz popular.

Neste período tamén se lle concederon dúas subvencións a Feaga, unha no ano 2012 e outra no ano 2013. Ningunha delas foi abonada, xa que a Federación de Autónomos de Galicia non xustificou correctamente os seus gastos.

Dende os Servizos Provinciais lémbrase que todos os contratos publícanse no Perfil do Contratante da páxina web, ademais dos distintos boletíns oficiais, tal e como sinala a normativa en materia de contratación pública. Por outra banda, aluden a que as subvencións outorgadas tamén son obxecto de publicación no Boletín Oficial da Provincia. Todo elo é remitido cada ano ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, coincidindo coa remisión da Conta Xeral da Deputación da Coruña.

Periodicamente, ademais, lévanse a cabo actuacións de control financeiro por muestreo para confrontar a realidade material das actividades ou investimentos que son obxecto de subvención por parte da institución provincial.